top of page
Presentación

 

NACEMENTO DUN FENÓMENO QUE NON TEN NADA QUE VER

COA TRADICIÓN CULTURAL E MUSICAL DE GALICIA

 

Artigo de opinión (CLICK AQUÍ): "SERMOS NÓS MESMOS OU SERMOS DE FÓRA" por RAÚL GALEGO GARCÍA.

 

Para presenta-lo tema e como unha breve introducción ó mesmo, o CDG considera que este artigo publicado en 1995 (ano no que a polémica acadou unha grande repercusión nos medios de comunicación) pola Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) na revista Nº 20 de Cadernos de pensamento e cultura A NOSA TERRA explica moi ben o nacemento e evolución da Escola de gaitas e da Real Banda de gaitas da Deputación de Ourense, para que coñezas e poidas entender toda a problemática orixinada por este fenómeno.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Bandas de gaitas: MODELO GALEGO e MODELO ESCOCÉS

 

En Galicia, en Galego

 

(...) primeiramente dicir que isto non é só unha guerra de gaitas. É un conglomerado de circunstancias que teñen un vencellamento directo co dirixismo cultural da Xunta, coas ganas de pasar á historia dalgúns iluminados, e co feito de confundir -intencionadamente ou non- conceptos: cultura con espectáculo, representacións iconográficas con tradición, información con crítica.

 

(…) isto non é só unha liorta de gaiteiros: é algo que atinxe ó conxunto da sociedade , a aqueles que cren que Galicia ten que estar no mundo con voz propia.

 

O fenómeno da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense e a Real Banda xurde hai aproximadamente dez anos, cando Xosé Lois Foxo é fichado pola Deputación de Ourense para levar a cabo o que el mesmo denomina “invento” ou “experimento”. Daquela houbo xente que xa sabía que Foxo pretendía producir un modelo cultural do que el gusta: as bandas escocesas. Esta súa afección e admiración polo escocés é pública, posto que el mesmo a admitía, magoándose de que os galegos semellásemos tan pouco marciais.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Real Banda de gaitas da Deputación de Ourense

 

 

A pesares das conversas mantidas con Foxo por parte da A.G.G. (Asociación de Gaiteiros Galegos), este segue adiante co seu invento que xa non é tal: comeza entón a súa longa e interminable ringleira de xustificacións históricas: gravados, capiteis, iconografías, para tentar convencer á opinión pública de que o que está a facer non só é galego auténtico, senón que é máis galego que o que todos coñecemos por galego. É a xustificación para que se impoña este modelo cultural , que non ten nada que ver con Galicia, pero que intenta vender como tal.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Xosé Lois Foxo cun gaiteiro da Real Banda

Nesta imaxe pode verse como o gaiteiro leva a denominada GAITA MARCIAL

(unha copia inventada polo Sr. Foxo, inspiradas nas gaitas escocesas)

O son que emite é moi semellante o da gaita galega,

pero leva o ronco e ronquetas cara arriba, imitando ás gaitas escocesas

 

(…) ímonos deter brevemente en dous dos argumentos que frecuentemente emprega o director da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense para xustificar e apoiar o seu invento:

 

1.- Dignificación: estes cambios o único que fan e dignifica-los nosos instrumentos, preparalos para que anden polo mundo con dignidade. ¿Isto significa que non considera dignos de ser exportados os nosos instrumentos nin a nosa tradición, nin as nosas formas? Nós si. Nós non negamo-la evolución, o que negamos é a suplantación. Afirmar que para dignifica-la nosa música é preciso pasar por riba dos elementos xenuínos, identificadores e diferenciadores da nosa cultura é estar a favor de pasar por riba dos sinais de identidade que estes elementos nos aportan. É afirmar que a nosa tradición non é digna de estar no mundo. Afirmar que para ser exportables temos que renunciar a nosa identidade é un argumento que nin a A.G.G. nin moitos galegos, gaiteiros ou non, están dispostos a subscribir.

 

2.- Entronque co mundo celta: a estas alturas non se lle escapa a case ninguén que isto chamado celtismo non é máis que unha maniobra comercial do mercado do folc saxón. A gaita non é un instrumento exclusivo do entorno “celta”: existe no mundo eslavo, no mundo mediterráneo, na África, India, Oriente Próximo, etc. Tratar de circunscribi-la gaita a un entorno concreto é actuar ou con parcialidade ou con falta de rigor.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A similitude da Real Banda cunha banda de gaitas escocesa
é evidente neste video dunha actuación conxunta

 

No que repecta as connotacións políticas baste lembra-la afirmación do Presidente da Excma. Deputación de Ourense, Xosé Lois baltar, feita diante da Asociación de Gaiteiros e doutros colectivos, de que eles sabían que aquilo era un invento, é máis, que non lles importaba que non fose galego. Que o invento funcionaba moi ben e que tiñan moitos cartos investidos nel. Baste lembra-lo apoio e a apoloxía que dende o programa “Con Música Propia” da T.V.G. fan de todo este fenómeno, a propaganda subliminal que a propia carátula do programa emite semana a semana: con música propia e o sonido dun saúdo de tambores ó xeito de fora tocado cos tambores premier, o silencio sistemático da Radio Galega e da T.V.G. De todos xeitos, e aínda que esto semella unha parafernalia feita a medida dalgúns dirixentes do PP, non esquezamos que, por exemplo, os rozamentos da Real Banda son aprobados sen preguntas de ningún tipo polos partidos da oposición da Deputación de Ourense. Se co apoio deste invento por parte do PP está demostrando para coa nosa cultura musical a mesma sensibilidade que tería un ourizo cacho, os partidos da oposición están demostrando co seu silencio e a súa falta de interese unha falta de concienciación e de arredamento da realidade cultural do país, e por ende a mesma falta de sensibilidade.

 

Polo que respecta ós intereses económicos vaian só estes apuntamentos: dentro da Deputación de Ourense existe un Obradoiro de Instrumentos de onde, paradóxicamente, non saen as gaitas marciais. Estas gaitas, feitas neste obradoiro, e considerando que os que alí traballan son funcionarios pagos pola Deputación, terían un custo aproximado de 20.000 pta./unidade. Nembargantes as gaitas veñen de outros talleres: Inspo de Ourense ou Antón Varela do Ferrol. A Deputación paga por cada unidade un prezo medio de 100.000 pta. No referente ás percusións, existe un comercio continuo baseado no cambio de instrumental: o cambio de categoría na liga ou campionato de bandas, ou as pretensións da tal cambio, veñen forzosamente acompañadas de compra de percusión nova, cada vez máis “mellorada”. Parches da fábrica Gonalca de Valencia, tambores Honsuy ou Premier, todos teñen un axente comercial que nos gustaría coñecer.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Real Banda (...ou máis ben "Royal Ourense Diputation Pipe Band")

desfilando cunha banda de gaitas escocesa

 

Por último, gustaríanos introducir unha mensaxe de esperanza e ledicia: hai moitas alternativas a este tipo de bandas, alternativas dende as propias bandas e dende outras formacións, alternativas que existen e que perpetúan a nosa tradición de pobo único musicalmente falando. Alternativas que se están a levar a cabo e que poden ser contempladas por todo aquel que se interese por elas. Baixo este prisma é que nós convidamos á reflexión e á opinión. A Xunta Directiva da A.G.G. quere que dentro de 100 anos este pobo chamado Galicia siga tendo gaiteiros e percusionistas que falen musicalmente en galego. A música tradicional de Galicia , os seus instrumentos e as súas formas teñen que atopa-lo seu propio camiño de futuro, o seu lugar para seguir existindo, pero sen visionarios nin iluminados, sen inxerencias alleas nin colonización. Coidamos que existe potencial dabondo para facelo.

 

A A.G.G. chama á xente que sente este país: á xente de a pé, ás xentes da cultura, ás xentes da política, a todo aquel que sinta a necesidade de que Galicia siga a existir con eses elementos únicos e diferenciadores que converten a uns milleiros de xentes que comparten un territorio nun pobo con identidade, con conciencia de sí mesmo. Chama a esta xente para que Galicia siga soñando, e tocando, e vivindo, e falando, por mil primaveras máis, en galego.

 

ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Banda "Devalar" (Amoeiro, Ourense) e Banda "Barbude" (A Estrada, Pontevedra)

Modelo escocés e modelo galego de banda de gaitas

 

Finalmente, gostaríanos comentar que o xurdimento das bandas de gaitas na nosa terra é relativamente recente, polo que non se pode dicir que este tipo de formación sexa tradicional, senon un modelo inspirado noutras culturas. Sen embargo, o CDG pensa que non se pode desnaturalizar a imaxe da nosa música, copiando e implantando elementos foráneos que progresivamente vanse introducindo nas bandas de gaitas. Pódese evolucionar de xeito natural, sen imposicións, mantendo perfectamente as formas propias e características do noso folclore.

bottom of page