top of page
Análise 1

 

ENGANO SISTEMÁTICO E INTENCIONADO Ó POBO GALEGO

SOBRE A AUTENTICIDADE DESTE EXPERIMENTO

 

AGRESIÓN Á IDENTIDADE CULTURAL E MUSICAL DE GALICIA FINANCIACIÓN PÚBLICA DE INSTITUCIÓNS E ORGANISMOS OFICIAIS

 

Todo este gran invento copiado que, como xa dixemos, para nada ten que ver coa tradición musical e cultural do noso pobo, susténtase nunhas frouxas bases argumentais históricas moi concretas (gravados, capiteis, iconografías, etc.) e nuns razonamentos absurdos do Sr. Foxo que fan que teña que recurrir á historia para xustificar dalgún xeito a existencia na nosa terra deste tipo de manifestacións alleas a Galicia. Estas xustificacións históricas caen polo seu propio peso, pois son moi aisladas e, en numerosas ocasións, sacadas de contexto, polo que non constitúen argumentos o suficientemente convincentes para que o Sr. Foxo impoña intecionadamente este modelo alleo na nosa terra. Ademáis, as imaxes dos nosos antergos relacionadas co mundo da gaita que perduran ó longo do tempo non se identifican para nada con todo este invento copiado, polo que fai pensar que o que está a acontecer non é máis que unha trangallada argallada por uns poucos para o seu propio beneficio.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Copia do gaiteiro seglar da Igrexa coventual de San Francisco de Betanzos (S.XIV)

e gaiteiro do Pazo de Santa Cruz de Bueu (S.XVIII)

Estas fotografías son dous exemplos das xustificacións históricas argumentadas polo Sr. Foxo

 

O que sí podemos dicir, e coidamos que ninguén o dubida, é que certos aspectos do Sr. Foxo (método de ensinanza e sistema organizativo empregados) si poden ser positivos para a nosa música, recoñecéndolle o seu mérito, pero tendo en conta que todo o que está a facer, sexa bo ou malo, é gracias ó apoio económico de institucións e organismos públicos que fomentan a destrucción da esencia musical do noso pobo.

 

De seguido, analizamos os principais puntos que motivan a polémica:

 

1.- Gaitas. Coa disposición dos seus elementos cambiada: ronco e ronquetas cara arriba, forma do fol rectangular e non redondeada. Supostamente baseadas nas iconografías.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

GAITA ESCOCESA, GAITA MARCIAL e GAITA GALEGA

 

2.- Percusión. É incuestionable que non utilizan percusión galega, nin na morfoloxía externa dos instrumentos, nin nos ritmos musicais que se lle aplican as pezas, nin no xeito e técnica de execución, nin, por suposto, no sonido final resultante.

 

 

 

 

 

 

 

 

Bombos, mazas e tambores "PREMIER"

Para estas bandas pro-escocesas, este tipo de percusión é máis axeitada que a tradicional

pois, segundo eles, adáptase mellor, aportándolles unha maior sonoridade

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Banda marcial e banda escocesa

A percusión deste tipo de bandas é a mesma que empregan as bandas escocesas

 

3.- Vestimenta. Ninguén que se chame galego identifica o que ve coa cultura de Galicia. Aínda así séguese a porfiar sobre bases iconográficas e profundas investigacións.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Bandas "Amigos do Mosteiro", "Nova Fronteira & Cartelle" e "Devalar"

 

4.- Estética. Non inspirada na tradición galega, nin orixinal, senón inspirada noutras culturas de corte militar, tanto no xeito de formar e desfilar como de tocar, coller o instrumento, inicios e finais das pezas, etc.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Bandas de gaitas marciais e escocesas

A formación circular e a forma de desfilar son unha COPIA das bandas escocesas

 

5.- Manipulación dos ritmos e repertorio. Introducción de repertorio non galego de xeito maioritario e progresivo; sons de percusión militar, escalas musicais foráneas. Desnaturalización do pouco repertorio galego que tocan, xa que a este se lle aplican ritmos, percusións e ornamentacións melódicas diferentes ás galegas.

 

6.- Por tanto, as técnicas tampouco son galegas. Baste dicir que para ben estudialas e perfeccionalas traen profesores de Escocia e a Bretaña para impartir as aulas.

 

7.- Formación dos cativos. Un dos puntos máis doentes desta historia son as consecuencias formativas para estes miles de rapaces. Están a recibir unha información castrada, sesgada, están sendo educados no autoodio ó que é da terra. Estanlles ocultando premeditamente unha morea de aspectos da nosa tradición.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Este tipo de bandas con gaiteiros serios, sen expresión está a troca-la imaxe natural do gaiteiro galego

A fotografía foi sacada dun libro de texto de Coñecemento do Medio (5º Primaria)

 

En conclusión, nin o que sona, nin o que se escoita, nin o que se ve é representativo da tradición musical nin se inspira nela. Non se pode considerar unha evolución , xa que, tristemente, só consiste nunha fotocopia doutra cultura, é polo tanto unha colonización cultural que nada interesante aporta á cultura mundial , nin por suposto á galega.

 

Por outra banda, non podemos esquencer a gran influencia e repercusión nos distintos medios de comunicación galegos e non galegos que tivo e ten este asunto. Algúns cidadáns, preocupados polo que está a acontecer, deciden manifesta-las súas protestas, principalmente, a través de artigos de opinión que de cando en vez publican os xornais galegos. O seguinte texto é só un exemplo das denuncias que dende que xurdiu hai anos este fenómeno se están a facer e que únicamente pretenden informar á xente sobre todo este gran problema. É unha copia dunha "Carta al Director" publicada en Decembro de 2000 en varios xornais da nosa terra. Nela o seu autor (Luis García Corral) denuncia a actual situación, cunha opinión totalmente compartida polo CDG.

 

A farsa gaiteiril

 

Gostaríame chama-la atención e facer algúns apuntamentos críticos sobre o engano e confusionismo ó que continuamente estamos sendo sometidos tódolos galegos e galegas dende hai xa algúns anos con relación a cada vez máis crecente proliferación na nosa terra dunha serie de bandas de gaitas que din chamarse galegas e representa-la música tradicional de Galicia, sendo financiadas por institucións e organismos públicos que teóricamente deberían destinar eses cartos a algo representativo da nosa tradición.

 

En xeral, tódalas persoas que, independentemente da súa orixe, poidan amar e sentir as diferentes manifestacións culturais e musicais propias dunha terra, fan o posible para que éstas, co paso dos anos, perduren e poidan considerarse para as vindeiras xeracións como verdadeiras mostras representativas da súa tradición máis próxima. Ademáis, é impensable que nun pobo onde se estean dando esas manifestacións que identifican ós seus habitantes co seu entorno, poidan copiarse e, consecuentemente, implantarse modelos culturais doutros países para sustituílos progresivamente polos propios. Tendo en conta esta lóxica, coido que todo o que está a acontecer en Galicia sobre este tema é máis un problema de forma que de fondo, pois ninguén pode estar en contra da dignificación da gaita como instrumento propio e representativo da nosa terra, pero sí do xeito en que se leva a cabo esa dignificación, copiando modelos foráneos e importados doutras culturas. A actual situación que estamos a vivir, fai que moita xente se pregunte cal pode ser o motivo que leva a que moitas bandas de gaitas copien o modelo escocés, máis espectacular e vistoso, conlevando a que pouco a pouco éste se vaia implantando ata asumirse como propio. Para min, varios aspectos poderían influir nesta explicación ilóxica: por unha banda, a ignorancia e descoñecemento da cultura musical galega e a infravaloración da nosa música con respecto á doutros países. Por outra, o momento idóneo para que todos eses que manipulan o pasado o seu antollo (o Sr. Foxo e compañía) poidan convertirse en verdadeiros artífices do rexurdimento da música ¿galega?, etc.

 

Pero, sen dúbida, o máis triste, lamentable e vergonzoso é que todos os que cremos que esto non é máis que unha farsa para o proveito duns poucos, sempre co visto bo dos nosos gobernantes, non podamos evitar as futuras consecuencias negativas para todos eses gaiteiros e percusionistas que na actualidade forman parte das cada vez máis numerosas bandas de gaitas que copian o estilo escocés, sendo partícipes desa suposta dignificación da gaita da que tanto presumen algúns, uns máis que outros, dende hai anos. Polo tanto, só queda implicarse un pouco máis na loita para que esta moda pro-escocesa non se siga expandindo pola nosa terra. E sobre todo, informar á xente, para logo poder reflexionar e analizar coa seriedade que merece todo o que está a acontecer. Ánimo e…a loitar.

 

Luis García Corral. A Coruña

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Concentración de gaiteiros (máis do 90% "marcianos") na Praza do Obradoiro (Santiago de Compostela)

Toma de posesión do Presidente da Xunta D. Manuel Fraga

 

Como xa sabes, todo este experimento é apoiado económica e moralmente por unha serie de institucións públicas e organismos oficiais de Galicia (Deputación Provincial de Ourense, Xunta de Galicia, Televisión de Galicia, etc.) que, presumindo de representar e defende-los intereses de tódolos galegos, destinan unha gran cantidade de cartos a algo que non representa nin se identifica coa realidade musical galega, dando unha imaxe totalmente errónea e confusa da nosa tradición. Tódolos milleiros de rapaces que actualmente aprenden e tocan nestas bandas son os que menos culpa teñen do que está a acontecer. Os verdadeiros culpables desta situación son os que financian cos cartos de tódolos galegos todo este gran engano. Desviar intecionadamente a estas bandas pro-escocesas moitas das axudas e subvencións que viñan recollendo as formacións tradicionais é unha gran falta de respeto á nosa terra, e máis concretamente, a toda esa xente que durante moitos anos, con moito traballo e dedicación, fixo perdurar ata hoxe as diferentes manifestacións culturais e musicais galegas.

 

CONTINÚA LENDO NA SECCIÓN ANÁLISE 2

bottom of page