Obxectivos
O Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) nace como consecuencia directa da inquedanza e preocupación dun grupo de xente, gaiteiros e non gaiteiros, para denuncia-la gravísima situación que dende hai xa uns anos está a atravesa-la gaita galega como instrumento tradicional e popular, tendo na actualidade como principal ameaza a implantación do MODELO CULTURAL ESCOCÉS nas bandas de gaitas (referente ás gaitas, percusión, vestimenta, estética, pezas que se interpretan, estilo musical, etc.) suplantando ós nosos propios e autóctonos rasgos de identidade como país e cultura. Este fenómeno está a destruir e aldraxa-la nosa tradición musical, implantándose progresivamente un estilo musical alleo (coa utilización de elementos inusuais e inexistentes na nosa tradición, copiados das bandas escocesas) e a posterior sustitución do modelo galego polo escocés neste tipo de agrupacións pseudo-galegas.
MODELO ESCOCÉS de banda de gaitas
MODELO GALEGO de banda de gaitas
Os membros que formamos parte do CDG non pretendemos ir contra ninguén. Non imos contra os gaiteiros e percusionistas que están sendo partícipes deste gran engano para o proveito duns poucos. Non imos contra a música escocesa, admirámola como manifestación cultural dun pobo tan respetable coma o noso. Non imos contra a innovación (emprego de novas tonalidades nas gaitas ou de novos materiais sen modifica-la esencia dos instrumentos), sempre e cando ésta sexa natural (non copiada nin imposta intencionadamente) e respete a tradición (non a destrúa). Pero sí imos contra ese sistema que foi implantado por certas persoas que non teñen compromiso nin respeto pola nosa música, infravalorándose e mostrando un incomprensible complexo de inferioridade musical con respecto a outros países.
Queremos amosa-lo noso desacordo sobre determinadas cuestións no contexto xeral das bandas de gaitas. O xurdimento deste novo concepto musical en Galicia hai anos puido evolucionar dun xeito natural, mantendo as formas propias e características do noso folclore. Pero non foi así. Houbo xente (o Sr. Foxo e compañía) que intecionadamente implantou dende Ourense, co apoio económico e moral de institucións e organismos oficiais de Galicia (Deputación de Ourense, Xunta de Galicia, etc.), os verdadeiros culpables de todo isto, un modelo cultural espectacular e rechamante, alleo e importado doutra cultura, sen importarlles a existencia na nosa terra dunha tradición cultural e musical de moitos anos. Co paso do tempo xurdiron bandas e bandas de gaitas que foron incorporando paulatinamente elementos copiados desa cultura foránea, sendo financiadas con cartos públicos de tódolos galegos e galegas. Daquela as voces críticas, con moita razón, denunciaban algo totalmente incomprensible. Os anos pasan e esta invasión non hai quen a pare. Agora este modelo estase implantando progresivamente nas bandas de gaitas do resto das provincias, nas súas zonas limítrofes (Portugal, Asturias, León, Cantabria), así como nos centros galegos de Europa e América.
Banda de gaitas "Os Trasnos" (Ourense)
¿Por que se está a enganar sistemática e intecionadamente a milleiros de gaiteiros e percusionistas que, sen ter ningunha culpa, están recibindo formación musical nesas agrupacións, con información parcial e chantaxes en forma de desprezo ó tradicional?. ¿Por que se está a impedir premeditadamente a transmisión dos verdadeiros valores musicais galegos ás vindeiras xeracións?. ¿Por que se está a impoñer por capricho duns poucos unhas formas musicais alleas co visto bo dos nosos gobernantes?. ¿Por que se están a destinar cartos do pobo a algo que valora máis ó foráneo que o propio, a algo que musicalmente non nos representa?. ¿Por que a imaxe de Galicia e da súa música que se está a dar polo mundo adiante é totalmente confusa, enganosa, falsa, non se identifica coa nosa tradición?. E o máis importante, ¿por que a xente non reacciona ante o que está a acontecer?. ¿Por que?...
Banda de gaitas de Cea (Ourense)
O CDG cre na dignidade do gaiteiro; cre na autenticidade e na identidade propia do noso folclore; cre que non se precisan elementos copiados da cultura escocesa para a expresión musical galega, cando xa posuímos unha maneira de ser rica e natural; cre na boa vontade dos gaiteiros e percusionistas que naceron e participaron nestas bandas, cuia única carencia é a dunha información imparcial.
Todo isto fai que a situación actual que estamos a vivir, e onde este tipo de bandas tentan expandirse pola nosa terra, sexa triste, lamentable e vergonzosa. Sabemos que este fenómeno estase a producir sobre o respaldo duns intereses económicos e políticos moi fortes. Non podemos permitir que toda esta gran farsa pro-escocesa se siga extendendo pola nosa terra. O compromiso do CDG será, dentro das nosas limitacións, impedi-la colonización do noso entorno, así como ir recuperando as zonas xa invadidas. Para isto é preciso que o público en xeral se informe, tome conciencia e, consecuentemente, poida reaccionar, implicándose activamente nesta loita pacífica polo que verdadeiramente cremos: a nosa música.
Polo tanto, tendo en conta os antecedentes desta historia e a información e medios que dispoñemos, tentaremos levar a cabo unha campaña informativa, sendo conscientes do traballo e dedicación que esto supón, e así facer que se cumpran os nosos obxectivos.
Esperamos que, a pesares dos impedimentos existentes, iniciativas como a do CDG poidan saír adiante e que ti, como visitante desta web informativa, poidas saca-las túas propias conclusións sobre este tema e des a coñecelo á xente do teu entorno.
Moitísimas grazas por todo o que poidas facer. De verdade.
COLECTIVO EN DEFENSA DA GAITA
MODELO GALEGO e MODELO ESCOCÉS de banda de gaitas