top of page
Artigo de opinión
 
"SERMOS NÓS MESMOS OU SERMOS DE FÓRA" por RAÚL GALEGO GARCÍA.

 

Como se volve un do dereito e do revés? Sempre a procura dunha mellora; sempre buscando un progreso pero, velaí que xa todo está inventado.

 

No que atinxe a nos á nosa cultura, e dentro da música e a danza vemos etapas ben marcadas por estadios evolutivos e, case sempre, de costas ao que realmente se pretende preservar.

 

En Galicia, e ben seguro noutros lugares tamén, as manifestacións artísticas desenvolvéronse nun medio natural, as veces encerellado o real e o máxico. Normal; porque sen a maxia non se entende que unha cultura coma a nosa se mantivera tanto tempo viva.

 

Pero o mundo do máxico pouco a pouco vai desaparecendo. Chega o racionalismo, e chega tamén a revolución social, a inocencia vaise perdendo e o sobrenatural ten grandes dificultades de pervivencia. Pero estamos en Galicia, e aquí a liña divisoria entre o terreal e o etéreo é indefinible. O paso entre a vida e a morte ten andaina nas dúas direccións. Este é o país dos mortos no mundo dos vivos. Apegados á terra porque nos somos terra e na terra están os nosos, diluídos cos átomos os isótopos e as sales minerais. Non nos podemos desintegrar deste cosmos; temos que coidar, temos apego ao noso. Por eso viven as tradicións.

 

Agora, e dendes do século XIX vai esmorecendo paseniño todo este mundo. Ao fin chegou o materialismo, perdémola memoria. No noso afán conservacionista, tentamos recuperar os tempos perdidos. Xorden estudiosos, técnicos na materia e despístannos porque realmente non saben nada.

 

No primeiro período das recuperacións, e tendo moi patente aínda a tradición, os burgueses e señoritos son quen inician o camiño, pero cústalles despegarse da súa condición de privilexio e así tínguese de matices bucólicos ata que se reconvirte o tradicional en ansias de dignificación perdendo o sentido orixinal. O camiño está aberto e a perda do natural, do tradicional faise irremediable. Mais o mundo urbano non quere recoñecerse nin confundirse co mundo rural, basto, zafo pero máxico.

 

A cada paso é máis difícil recuperar o mundo perdido e, nestes tempos de revival a fantasía suple a maxia: temos que deixar de sermos nos para que nos recoñezan coma o que non somos. Agora para rescatar as nosas siñas de identidade habemos de buscar fora o que xa temos ou tivemos aquí. Primeiro os historiógrafos elevaron á dignidade o pasado celta, e así para reafirmalo temos de mirar para Irlanda ou a Escocia como paradigma do elemento cultural celta, sen se decatar que cando menos hai que cavilar que a cultura dos celtas en Galicia foi sendo suplantada polo mundo romano vai xa para 2000 anos. E sen ter datos firmes o posible contacto con Irlanda (e Britania) hai que remontalo entre 400 e 600 anos antes. Se perdémola memoria do acontecido hai poucos anos, ¿qué pasará con 2500 anos atrás?.

 

Aínda cabe pensar que o substrato cultural prerromano teña relación co mundo do máxico que nos define. Por eso cada ruína histórica, cada mámoa, cada anta, cada pedra, cada fonte escura está pintada co misterio do mundo subterráneo de fermosas donas e cabaleiros encantados, os moros. Pois xa está, aínda que a presencia real non está constatada agás algunhas incursións bélicas ou razias, o dominio que os musulmáns tiveron sobre desta terra a penas foi quincuaxenario. Aí está, agora somos nazaríes ou mouros, dito sexa que, como na corte de Castela na idade media a influencia da cultura árabe foi notoria, esquécese que tamén foi en paralelo coa galega.

 

Pero o predominio que Castela fixo sentir sobre do resto da península (incluído Portugal) provocou case que desaparecera o noso idioma. De feito o influxo no galego chega a ser brutal, e esto fai confundir a moitos o españolismo co castellanismo; daquela, xa que logo somos españois ergo somos casteláns.

 

En reacción a esa postura xorden no ideario doutros intelectuais a posibilidade da recuperación histórica, o achegamento a Portugal. Vólvese a esquecer os lapsos temporais porque Galicia e Portugal nunca foron un mesmo territorio politicamente unido, senón unha segregación territorial dende a propia Galicia. Portugal desenvólvese de xeito illado xa no inicio da súa historia e, malia as evidentes semellanzas, tampouco somos portugueses, xa que logo, semellanzas tamén as hai con outros territorios peninsulares. A ver se no mesmo contexto territorial no que se formou o condado portucalense non estaba tamén o que conformou o reino de León. A Gallæcia, se ben polo sur andaba pola liña do Douro, polo leste ía ata a liña do Esla.

 

Falando tamén de lindes territoriais, cando os Suevos crearon un dos primeiros reinos integrais da Europa alto medieval, levaron os lindeiros ata pasar Coimbra. Mantiveron o seu poder por máis tempo que os musulmáns, e aínda non se deu en reivindicar a nosa posible condición de xermanos. Claro, foron absorbidos, disolvidos mellor dito, polos visigodos, e a ninguén se lle acorda dicir que, pese a todo, os visigodos mantiveron a división territorial de Caracalla/Diocleciano. Así, cando os almofades non puideron sobordar a liña de Covadonga, falaron pestes dos galegos; non porque non houbese outras xentilidades, senón porque estaban na Gallæcia. Con tino, porque a proliferación de bebedores de cervexa pode querer dicir algo deso, ¿ou será a continuación da reverencia pro británica?

 

Realmente estamos condenados por un mal fado ¿mal fario?.Temos de ser irlandeses ou escoceses, xa se nos nota no acento. Mesmo fisicamente somos facilmente confundibles nótese, senón a grande porcentaxe de rubios (= pelirrojos) e do grande porte dos nosos paisanos.

 

Ese sería un bo argumento para os que por el contrario din dos nosos ancestros semitas. Tamén se nos nota; esa tez citrina, esas facianas alongadas, ese nariz de aguia; paisa, ata no falar. Confundir respecto, admiración por outra cultura non se debe de confundir con asimilación á mesma.

 

Finalmente habemos de lembrar que non foi en Aljubarrota onde se dirimiu o enfrontamento definitivo entre Castilla e Portugal a fins do XIV, está sendo aquí e agora. O importante non é sentirse no propio, o importante é ser de fóra. Ser galego non vale, hai que ser outra cousa.

 

RAÚL GALEGO GARCÍA

 

Naceu en 1955 en Lalín (Pontevedra). En 1960 chega a A Coruña e cinco anos máis tarde xurde o seu primeiro contacto coa música e, máis concretamente, coa gaita. A partir de aquí comeza a devorar datos da nosa cultura e orixes. A súa traxectoria musical comeza no ano 1972. Desde entón, formou parte de agrupacións folclóricas, corais, grupos de gaitas, bandas de música, comparsas de antroido, grupos folc... Ven impartindo clases como profesor de gaita, percusión e música galega dende 1973 en parroquias, colexios, asociacións culturais e de veciños, academias e sociedades. Cómpre destacar varias conferencias e charlas didácticas que complementan a súa gran labor musical.

 

Na actualidade mantense en nómina como gaiteiro na Excma. Diputación Provincial de A Coruña, é membro directivo da Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) e Asesor Técnico e Vocal no Tribunal para Oposicións e Concursos da Consellería da Presidencia e Admón. Pública da Xunta de Galicia.

bottom of page