top of page
Carta 9

 

Cacicada en Pontevedra: as gaitas da polémica

 

O pasado día 6 de abril a Deputación de Pontevedra asinou un convenio de colaboración coa asociación “Banda de gaitas provincia de Pontevedra” para a posta en marcha dunha rede de escolas de gaitas e percusión supostamente tradicionais. Dita asociación atópase nunha situación de irregularidade absoluta xa que, segundo a Asociación de Gaiteiros Galegos, non aparece en ningún rexistro oficial e o seu CIF corresponde a outra asociación cun nome semellante pero non igual que, curiosamente, non ten actualizados os seus Estatutos dende a entrada en vigor da nova lei reguladora do Dereito de Asociación.

 

O acordo, en palabras deste organismo provincial, pretende “poñer en valor, conservar e respectar as principais manifestacións artísticas do patrimonio cultural galego”. A Asociación de Gaiteiros Galegos e moitas outras persoas, colectivos, asociacións e agrupacións galegas (incluído o CDG) consideran contradictorio afirmar isto cando o modelo de escola que se pretende crear é similar ó da Deputación de Ourense, con bandas de gaitas que imitan ás escocesas, modelo inventado por Xosé Lois Foxo (director da Real Banda e da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense) e que agora Hipólito Cabezas (presidente da suposta asociación que asinou dito convenio) pretende consolidar en Pontevedra, provincia ata hoxe exemplar e referente obrigado no tocante á tradición musical galega.

 

Esta nova situación, semellante a acontecida hai anos, é outra cacicada máis dos nosos políticos, destinándose unha importante cantidade de cartos públicos (90.000 euros) a algo que non nos representa, a algo que non deixa de ser unha copia mal feita dun modelo cultural tan respetable coma o noso pero alleo a nosa terra. As bandas de gaitas de carácter marcial e militar que empregan gaitas con tres roncos verticais e percusión de alta tensión non son galegas. Moitos son conscientes delo, pero non queren decartarse porque non lles interesa. Unha vez máis, a loita pola nosa música está servida. Unha vez máis, a loita continúa…

 

Colectivo en Defensa da Gaita.

bottom of page