Carta 7
Esplendor gaiteiril marciano
Mexan por nós e hai que dicir que chove. O 19 de decembro tivo lugar en Amoeiro (Ourense) unha nova fase da Liga de Bandas de Gaitas. Unha liga que lle chaman galega cando é de todo menos iso. Quince anos de desfeita musical sen que os gaiteiros tradicionais desta terra poidamos evita-las gravísimas consecuencias que este fenómeno está a producir nos milleiros de rapaces que aprenden os segredos da gaita marciana en Galicia e fóra dela.
Paradóxicamente a nosa música cada vez máis é menos nosa. Hai catro anos membros do Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) puidemos presenciar en Cea (Ourense) unha fase semellante desta liga que pretende segundo o seu regulamento “a recuperación e afianzamento dos xéneros máis xenuinos da música popular-tradicional de Galicia, traducidos no instrumento Rei: A Gaita Galega”. En Amoeiro de novo puidemos analizar esta alarmante e desoladora situación que vai en aumento. Anos atrás participaban bandas que empregaban instrumentos representativos de Galicia. Agora xa case nin iso. Atopámonos nunha evolución musical que non é máis que unha copia dun modelo existente, nun suposto esplendor gaiteiril que non é tal. A xente asume como propio algo que nunca o foi e que o CDG e moita máis xente ven denunciando dende hai xa anos. Un modelo híbrido entre escocés e galego que foi inventado polo capricho do Sr. Foxo (Director da Escola Provincial de Gaitas de Ourense). Pero non importa. Da igual tocar con gaitas galegas ou con gaitas marcianas, inventadas cos roncos cara arriba (incluso bandas de Asturias, Madrid, Barcelona ou mesmo Portugal). Da igual empregar tambores tradicionais de madeira ou tambores de alta tensión importados de Escocia. Da igual ir con traxes da terra ou con saias e capas sacadas históricamente de contexto, imitando os escoceses. Da igual tocar unha muiñeira ao xeito galego ou destruíla ata convertila en marcha para desfilar. Da igual empregar un método de ensinanza que valore os elementos xenuínos do noso folclore ou destrozalo con información parcial manipulada, xustificacións históricas absurdas e técnicas musicais alleas. O tradicional xa non importa. É mellor copiar directamente ós escoceses que evolucionar nós mesmos. Penoso.
D. Xosé Lois Baltar (Presidente da deputación ourensana) e D. Manuel Fernández (Alcalde de Amoeiro) afirman respectivamente no programa de man desta fase que “esta institución ten demostrado unha vocación decidida no tocante ao mundo do noso instrumento nacional, do que me sinto satisfeito” e que “Amoeiro vístese de festa ca máis espléndida música saída das gaitas feitas do cerne da Terra”. Sobran os comentarios. Sobran os motivos da nosa denuncia.
Colectivo en Defensa da Gaita.