top of page
Carta 6

 

Festas sen gaiteiros con enxebreza

 

Pregunta: ¿Onde están eses gaiteiros enxebres das nosas festas? Resposta: cada vez quedan menos. Vostede pensará...¿e por qué? Para o Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) os gaiteiros con enxebreza estanse convertindo nunha especie en perigo de extinción... Isto ocorre principalmente polo aumento alarmante de bandas de gaitas pro-escocesas na nosa terra, militarizadas, con gaiteiros sen expresión, sen sentimento...en definitiva, sen enxebreza. Bandas de gaiteiros que impresionan polo “ruido” (cos seus tambores de alta tensión), polas espectaculares coreografías que fan (moi ben ensaiados, por certo), polos chamativos traxes supostamente tradicionais que levan postos (se son faldas ou saias imitando ás escocesas, sen dúbida, visten moito máis), polos bastóns de mando militares (que suben e baixan con malabarismos circenses dignos de foto), polas gaitas marciais (eles din que son galegas, en realidade só son unha imitación das gaitas escocesas pero feitas en Galicia por artesáns interesados), polas pezas que intepretan (canto máis escocesas, mellor), pola “enorme” dedicación e traballo a prol da música “galega” que fan os seus prestixiosos directores (presumen de dignifica-la gaita “galega” e a música “tradicional” da nosa terra cando en realidade fan todo o contrario),etc.

 

Que ninguén se engane, por favor. Algúns pretenden que os gaiteiros enxebres desaparezamos. Iso é imposible. Queren que calemos, pero nós falamos moito. Para algúns, demasiado. Menos mal. Falamos porque estamos fartos da xente que pretende convencer á opinión pública mediante unha chea de mentiras, farsas, confusións e enganos. Moita cantidade, pouca calidade. ¿Onde están eses gaiteiros da “Galicia Calidade”? O producto din que é moi galego...¿seguro?. Pedímoslle que analice a situación: compare unha banda destas cunha escocesa. As semellanzas saltan ós ollos, pero algúns semellan non telos. Que non digan que iso é galego, por favor. Un respeto. A enxebreza vai a menos por culpa de nós mesmos. ¿Non é triste?. ¿Onde están eses gaiteiros enxebres? Se atopa a algún, avísenos, por favor: estamos en perigo de extinción. Saiba que cada vez quedan menos e que, iso si, aínda estamos a tempo de recuperalos para que non morran. Por mal que lles pese a algúns.

 

Colectivo en Defensa da Gaita.

bottom of page