Carta 5
Invasión pro-escocesa na provincia da Coruña
O Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) pide á cidadanía, en xeral, e a tódolos amantes da música tradicional galega, en particular, que reflexionen, opinen e reaccionen ante a situación que están a atravesar numerosas bandas de gaitas, na súa maioría de Galicia, que están a dar unha imaxe supostamente representativa da súa terra, pero que en realidade esconden unha manipulación premeditada e un engano sistemático e intencionado por certos individuos co obxectivo de confundir e convencer á xente coas súas ideas e así continuar co proceso destructivo que está a padece-la nosa música no contexto actual das bandas de gaitas. Despois de coloniza-la provincia de Ourense, parte das de Lugo e Pontevedra, e os numerosos centros galegos espallados polo mundo, agora pretenden introducirse na provincia da Coruña, un dos poucos espacios que aínda ofrece resistencia a esta nova moda nas bandas de gaitas. O CDG, coma sempre, non está disposto a calar e dar a razón a quen non a ten. E máis cando ten constancia dun suposto proxecto que dende a Deputación da Coruña estase a elaborar, similar ó da Deputación de Ourense. A nosa provincia non pode sufrir o proceso colonizador destructivo levado a cabo na provincia ourensana baixo ningún concepto. Este colectivo é consciente do gran traballo que supón impedilo (as connotacións políticas e intereses económicos non nos permiten facelo), pero sí pode e debe informar á xente de todo o que está a acontecer. O CDG está máis que farto das mentiras desta xente, das súas argumentacións absurdas, da información parcial inxustificada que están a dar, das copias mal feitas que están a facer. Vendo as bandas de gaitas como evolución natural, na súa forma e no seu fondo poden representarnos perfectamente (exemplos actuais de bandas o demostran). Pódese innovar e progresar, pero non fotocopiar outra cultura, e máis cando xa posuímos unha propia. Os que pretenden dignifica-la nosa música con estilos alleos ó noso, os que pretenden cos distintos medios de comunicación difundir unha imaxe irreal de Galicia, empregando constantemente terminoloxías erróneas como música tradicional galega (cando o que fan é todo menos iso), non son conscientes do gran dano que están a facer ás moitísimas persoas que tentamos deixar ás vindeiras xeracións unha mostra representativa da cultura musical do noso pobo. Por iso, pedimos encarecidamente a tódolos aludidos que fagan o posible por ter algo do que nós sempre tivemos: respeto para a nosa música. Basta xa de mentiras e enganos.
Colectivo en Defensa da Gaita.