top of page
Carta 4

 

Gaiteir@s sen fronteiras

 

O Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) quere expresa-la súa indignación e o seu malestar polo acto gaiteiril de investidura do Sr. Fraga como presidente da Xunta de Galicia que aconteceu hai uns días en Santiago de Compostela. Este acontecemento multitudinario, financiado polo Partido Popular de Galicia e liderado polo Sr. Foxo (director da Escola Provincial e da Real Banda de gaitas da Deputación de Ourense), congregou segundo a organización a uns 6.000 gaiteiros (...en realidade, non foron tantos) sen que apenas ninguén poida nin queira parar a cada vez máis extendida e preocupante invasión escocesa nas nosas bandas de gaitas. Actos públicos coma este fan que @s gaiteir@s e demáis persoas relacionadas coa música tradicional galega, que verdadeiramente conservan principios de autoestima e compromiso musical coa súa terra, sigamos denunciando a gravísima situación que están a atravesa-las bandas de gaitas (non só de Galicia, senón tamén dos Centros Galegos espallados polo mundo e das zonas limítrofes como Asturias, León, Cantabria ou mesmo Portugal), dende hai más de 10 anos, ante esa suposta recuperación da gaita e da tradición musical galega, iniciada dende entón pola Deputación de Ourense e demáis organismos que financian con cartos públicos todo este invento copiado que, co paso do tempo, está a destruir e aldraxa-la nosa música.

 

Gostaríanos que persoas coma vostede reflexionen sobre o que verdadeiramente significan actos como este, que gozan do beneplácito da maioría d@s galeg@s. Nós non estamos en contra da dignificación da gaita como instrumento representativo do noso folclore. Tampouco do boom gaiteiril que dende hai anos está a acontecer en Galicia. Todo ó contrario. Pero sí cando o Sr. Foxo di que “neste tipo de xuntanzas está o 99% da poboación gaiteiril”, ou que a chamada guerra das gaitas “está superada, ó 90% dos gaiteiros non lles importa” ou que “o Goberno autonómico ofrece o mesmo trato a tradicionalistas e filoescoceses”, ou que “as nosas bandas ocupan un espacio máis destacado que o gaiteiro tradicional”, ou que “eles (nós, neste caso) teñen celos do que estamos a facer”, ou que “os que triunfan somos nós porque o ambiente popular non ten gancho social”, ou que “a gaita tradicional non é comercial”. Sr. Foxo, vostede sabe que non é verdade.

 

Por iso, é vergonzoso que veñan gaiteiros de fóra (por exemplo, de Escocia ou Irlanda) cando tantos gaiteiros temos na nosa terra, que moitas bandas de gaitas copien o modelo escocés cando posuímos uns propios e característicos, que se destinen cartos do pobo a algo que non representa e infravalora ó da terra, que a xente siga mostrando unha incomprensible pasividade por unha das manifestacións culturais máis importantes da esencia dun pobo, que este acto que acolleu a unha boa parte do futuro gaiteiril galego non deixa de ser unha contradicción, un rexeitamento á nosa música, froito do capricho duns poucos que non teñen compromiso nin respeto coa súa terra. Polo tanto, gostaríanos que a sociedade galega reflexione ante feitos coma este. Simplemente iso. Moitísimas gracias.

 

Colectivo en Defensa da Gaita.

bottom of page