top of page
Carta 3

 

Todo menos música da nosa terra

 

O Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) quere expresa-lo seu máis profundo malestar, denunciando a gravísima situación da nosa música tradicional con relación á celebración das distintas fases da Liga ¿Galega? de Bandas de Gaitas que dende 1990 e ano tras ano veñen acontecendo en diversos lugares da nosa terra, co fin de amosa-la aldraxe que dende este tipo de xuntanzas se lle está a facer a nosa cultura. Nesta ocasión, o espectáculo gaitístico tivo lugar en Viana do Bolo (Ourense), participando bandas de gaitas de Galicia e de fóra dela. Como é habitual neste tipo de encontros televisados pola TVG, algunha xente fala sobre o que alí acontece e, nesta ocasión, gostaríanos opinar sobre o comentario feito por un membro da única banda de gaitas tradicional da provincia de A Coruña que milita no primeiro grao desta liga e que foi entrevistado en directo por unha reporteira. Cando preguntou o motivo da escasa participación de bandas da provincia de A Coruña na competición, o mencionado membro da banda contestou literalmente: “...non é que non haxa bandas, é que o concurso non vai precisamente co estilo das bandas de A Coruña. Temos outro estilo, máis tradicional, con outro tipo de percusión e a verdade é que non interesa participar”. Nunca mellor dito. Lamentablemente, esta é a realidade que estamos a vivir. Máis do 90% das bandas participantes (non todas) semellan máis escocesas que galegas. É moi normal que existan bandas, non só da provincia de A Coruña, que non queiran participar. Para acadar unha boa puntuación en calquera categoría é case obrigado adaptarse ó estilo escocés, renunciando ó tradicional galego para copiar modelos foráneos que non representan nin se identifican coa tradición musical da nosa terra. Ademáis, introdúcese repertorio extraño e se empregan instrumentos musicais doutras culturas (por exemplo, darboukas), polo que este tipo de acontecementos nunca xamáis poderán ser representativos de Galicia e da súa música. Evolución sí. Innovación tamén, pero natural (non copiada nin imposta intecionadamente) e respetando á tradición (non destruíndoa). E o mellor de todo, sen dúbida, é o obxectivo para o que foi creada esta Liga ¿Galega? de Bandas de gaitas: "a recuperación e afianzamento dos xéneros máis xenuinos da música popular-tradicional de Galicia, traducidos no instrumento Rei: A Gaita Galega". Vergonzoso. Todo menos iso. Que cada quen reflexione.

 

Colectivo en Defensa da Gaita.

bottom of page