top of page
Carta 21

 

Gaitas marcianas no deporte coruñés

O Colectivo en Defensa da Gaita (CDG), a través deste escrito, quere manifestar de novo o seu malestar e indignación aos organizadores e colaboradores dalgúns dos eventos deportivos con repercusión a nivel estatal que dende hai uns anos veñen celebrándose na cidade da Coruña. Xa o fixemos cando aconteceu a Final da Copa do Rei de Baloncesto do ano 2016 e agora repetimos coa Final do Campionato Europeo de Hockey sobre patíns de hai uns días. Competicións nas que tamén colabora o Concello da Coruña a través da Concellería de Cultura, Deporte e Coñecemento e que semella impasible ante estes feitos que degradan a cultura musical de todo un pobo. O CDG considera inaceptable esta teima inxustificada de invitar á Real Banda de gaitas da Deputación de Ourense, unha formación musical pseudo-galega que semella máis de Escocia que de Galicia e que da unha imaxe errónea e confusa da nosa música alá por onde actúa, xa que emprega elementos copiados e inspirados nas bandas de gaitas escocesas, como moita xente xa sabe. É unha vergoña que esta agrupación pretenda amosar ao mundo que a súa música é xenuínamente galega, cando é todo menos iso. As súas gaitas, percusións, estética e vestimenta non nos representan. Por moito que algúns insistan, iso non é de aquí. Na Coruña e en moitos outros lugares de Galicia existen bandas de gaitas e agrupacións musicais que si soan a galego e que empregan elementos musicais propios da nosa terra, sen ter que recurrir a copias malfeitas. Non é necesario asumir como propio un modelo alleo nin amosar un incomprensible complexo de inferioridade con respecto a outras culturas. Basta xa de manipulacións malintencionadas que confunden e enganan á xente. Só pedimos respecto para a nosa música. Unha vez máis.

Colectivo en Defensa da Gaita.

bottom of page