top of page
Carta 2

 

Investidura marciana no Obradoiro

 

O Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) quere expresa-la súa total indignación e o seu profundo malestar a través deste comunicado de prensa polo acto gaiteiril de investidura de D.Manuel Fraga como presidente da Xunta de Galicia o próximo día 15 de Decembro na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. Este acontecemento masivo, como non podía ser menos, será financiado íntegramente polo Partido Popular de Galicia. Segundo a organización, liderada polo Sr. Foxo, director da Escola Provincial e da Real Banda de gaitas da Deputación de Ourense, uns 6.000 gaiteiros (...no 97 dixeron 5.000 e logo só foron 1.500) colapsarán a citada praza, sen que apenas ninguén poida nin queira parar a cada vez máis extendida e preocupante invasión escocesa nas nosas bandas de gaitas. Actos públicos coma este fan que os gaiteiros e demáis persoas relacionadas coa música tradicional galega, e que verdadeiramente conservan principios de autoestima e compromiso musical coa súa terra, poidan coma nós denuncia-la gravísima situación que están a atravesa-las bandas de gaitas do noso país dende hai más de 10 anos, ante a gran barbarie iniciada dende entón pola Deputación de Ourense e Xunta de Galicia, organismos públicos que malgastan os cartos de tódolos galegos e galegas neste tipo de actividades.

 

O noso obxectivo é informar, concienciar e reaccionar ante feitos que, coma este, gozan do beneplácito da maioría dos galegos e galegas sen impedimento algún. Gostaríanos que persoas coma vostede reflexionen sobre o que verdadeiramente significa este acto multitudinario. Non estamos en contra da dignificación da gaita como instrumento representativo da noso folclore. Tampouco do “boom” gaiteiril que dende hai anos está a acontecer en Galicia. Ó contrario. Pero sí cando o Sr. Foxo di que “neste tipo de xuntanzas está o 99% da poboación gaiteiril”, ou que a chamada guerra das gaitas “está superada, ó 90% dos gaiteiros non lles importa” ou que “o Goberno autonómico ofrece o mesmo trato a tradicionalistas e filoescoceses”, ou que “as nosas bandas ocupan un espacio máis destacado que o gaiteiro tradicional”, ou que “eles (nós, neste caso) teñen celos do que estamos a facer”, ou que “os que triunfan somos nós porque o ambiente popular non ten gancho social”, ou que “a gaita tradicional non é comercial”. Non é verdade. Sr. Foxo, ¿onde está a súa dignidade? ¿onde está o seu compromiso musical coa súa terra? Nunca existiu.

 

Por iso, coidamos que é vergonzoso que as bandas de gaitas da nosa terra teñan que copiar modelos musicais foráneos cando xa posuímos uns propios e característicos. É vergonzoso que se destinen cartos públicos de tódos nós a algo que non representa e infravalora ó da terra. É vergonzoso que os galegos e galegas non nos manifestemos contra este fenómeno, mostrando unha incomprensible pasividade por unha das manifestacións culturais máis importantes da esencia dun pobo. É vergonzoso dicir que o acto público que dentro duns días congregará na capital galega a unha boa parte do futuro gaiteiril galego non deixará de ser unha contradicción, un rexeitamento á nosa música, froito do capricho duns poucos que non teñen compromiso nin respeto co pasado musical gelego. Por iso, e aínda que a algúns lles molesten as correntes críticas que, como a nosa, tentan informar á xente e dicir o que realmente está a acontecer con este tema, gostaríanos que a sociedade galega reflexione ante feitos coma este. Moitísimas gracias.

 

Colectivo en Defensa da Gaita.

bottom of page