top of page
Carta 18

 

Deputación de Pontevedra, os nosos parabéns

 

O Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) quere agradecer á Área de Cultura da Deputación de Pontevedra a súa decisión de non aportar máis fondos públicos á súa Escola de Gaitas e Percusión xa que, a través dun convenio coa Asociación Galega de Bandas de Gaitas, destinábanse 140.000 € anuais a fomentar un modelo de formación alleo á música galega, empregando gaitas marciais e percusión de alta tensión, elementos alleos á nosa tradición musical e copiados das bandas escocesas.

 

Moita xente vén denunciando publicamente dende hai anos esta aldraxe musical subvencionada de maneira arbitraria con cartos de tódolos galegos e galegas, sen que unha parte da sociedade tome conciencia desta grave situación no contexto xeral das bandas de gaitas da nosa terra. Temos como referencia obrigada a provincia de Ourense, na que as formacións pro-escocesas que aínda sobreviven continúan a dar unha imaxe confusa e manipulada intencionadamente por parte de certas persoas e organismos oficiais sen compromiso pola música galega.

 

Feitos como o acontecido na Deputación de Pontevedra son moi valorados polo CDG para continuar informando á cidadanía en xeral do que se está a facer dende hai tempo, polo que reiteramos dende aquí os nosos parabéns e animamos ás administracións públicas a que sigan o seu exemplo e antes de dar cartos para supostas escolas de música tradicional, teñan a sensibilidade de informarse e de xestionar responsablemente os mesmos para non cometer no futuro erros coma este.

 

Colectivo en Defensa da Gaita.

bottom of page