top of page
Carta 15

 

Investidura "popular" á escocesa

 

Praza do Obradoiro. Xente e máis xente. Nótase movemento. Algo extraordinario vai acontecer en minutos. O fervor popular maniféstase porque o novo Presidente está a piques de comezar o seu discurso. Soan gaitas e percusións. Unha chea de gaiteiros que semellan máis irreais que galegos. Uns turistas escoceses pasan pola praza: están abraiados. Non dan conta do que están a ver. Dubidan se xa voltaron a súa terra ou qué. Non é para menos. Afirmacións como “estes gaiteiros veñen en representación de tódolos gaiteiros de Galicia” ou “serei un galego máis” chaman a nosa atención. Un político, sen dúbida, sempre será políticamente correcto. Menos palabras e máis feitos, señor Feijóo. Considera que interpretar o Himno do Antigo Reino de Galicia e o Himno Galego con gaitas foráneas, percusión escocesa e bastón de mando militar é símbolo da súa terra? A quen pretende enganar? Considera que esa banda representa a tódolos gaiteiros de Galicia? En que se fundamenta para dicir iso? Preguntoulles acaso? Máis ben todo o contrario. Pregúntelles, a ver que lle din. Considera que é un galego máis cando pretende amosar que a música desa agrupación financiada con cartos públicos galegos e que soa así é representativa da súa terra? Xa está ben, señor Feijóo. O que non pode ser é que vostede presuma de ser galego e queira convencernos, como o señor Fraga, do que ninguén pode negar: as nosas gaitas e a nosa música son todo menos iso. De que serve renegar do noso? de nada. Basta xa de asumir como propio algo que non é de aquí. Temos que ir a fóra cando temos aquí dabondo. Será por gaitas e gaiteiros. En vez dun galego máis semella do país daqueles turistas dos que, por certo, non poderá sacar voto algún. Pero coma sempre, ninguén di nada. Ninguén fai nada. En Galicia existe unha Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) cunha Directiva que nin di nin fai nada ó respecto. Non se molla. Así nos vai. E nós xa estamos fartos: dicimos o que pensamos. Vostede non. Lembre o punto 13 dese contrato que, segundo di, vostede asinou con nós e do que tanto fala: recuperemos o consenso en torno ós nosos símbolos. Si, xa vemos. Empeza ben vostede. A ver como remata.

 

Colectivo en Defensa da Gaita.

bottom of page