Carta 14
A Real Banda invade A Coruña
O Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) quere manifestar o seu profundo malestar e a súa indignación ante a celebración o día 22 deste mes de Decembro en A Coruña dun concerto da Real Banda de Gaitas da Deputación Provincial de Ourense, agrupación musical subvencionada con cartos públicos que non representa nin a Galicia nin a súa música. Este acto está patrocinado pola Fundación Caixa Galicia coa colaboración da Deputación de A Coruña, entidades moi vinculadas á cidade nas súas actividades supostamentes culturais. Se a Cultura é o conxunto de manifestacións nas que se expresa a vida tradicional dun pobo, o CDG non pode considerar este concerto como unha actividade cultural galega porque esta agrupación representa máis a Escocia que a Galicia, copiando intencionadamente instrumentos, estéticas e formas musicais doutras culturas alleas á nosa. É moi curioso como o resto de actuacións incluidas neste programa mensual son cobrando unha entrada que nesta ocasión é gratuíta, para non poñer en evidencia que o interés por este espectáculo na cidade sería mínimo.
O CDG considera que esta invasión musical allea é totalmente inxustificada, querendo chama-la atención á cidadanía en xeral da difusión nos distintos medios de comunicación de espectáculos enganosos como este, sen que ninguén diga nen opine nada ó respecto. E o máis vergonzoso é que todo isto siga acontecendo, degradando a nosa cultura ás agachadas, sen oportunidade para que a sociedade opine ao respecto e sendo conscientes da existencia de bandas de por aquí que representan de verdade á nosa cultura e con infinitamente máis dignidade. Lamentable.
Colectivo en Defensa da Gaita.