top of page
Carta 13

 

Gaitas e Xamón Ibérico

 

O Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) síntese unha vez máis indignado e ofendido ante as recentes declaracións realizadas por D. Xosé Lois Foxo (Director da Escola Provincial de Gaitas e da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense) con relación á chamada Liga Galega de Bandas de Gaitas e a súa futura denominación anunciada por el mesmo, sendo o promotor desta competición de bandas pseudo-galegas, que semellan máis de Escocia que de Galicia. Segundo palabras do señor Foxo, o vindeiro ano desaparecerá a Liga Galega para pasar a Liga Ibérica, nome curioso que chama a atención do CDG.

 

As denominacións de orixe (pensemos no xamón ibérico, por exemplo) son lugares ou áreas de fabricación, elaboración ou extracción dun determinado producto que, pola súa singularidade, é representativo dun lugar concreto. Se unha liga como ésta, que dende a súa creación fomenta formacións semellantes ás escocesas, pasa a denominarse en pouco tempo Ibérica, non só constitúe o fracaso deste campeonato en Galicia (recurrir a fórmulas a nivel estatal e non só galego como ata agora é sinal de deterioro e esgotamento dun proxecto que comezou sendo viable ata hoxe), senón que xustifica o agardado desexo do señor Foxo por constituíla como unha denominación de orixe máis e espandila polo resto do Estado, como un auténtico virus.

 

E é realmente sorprendente como hai xente que pretende vivir deste conto musical que dura xa moitos anos e que o CDG denuncia constantemente á cidadanía galega e non galega dende hai tempo. Non cómpre unha denominación de orixe para as gaitas, señor Foxo. Son case todas galegas (lembremos que hai algunhas inventadas por vostede que non o son, as denominadas gaitas marciais ou marcianas para nós, empregadas na maioría das bandas que participan nesta Liga). A futura Liga Ibérica de Bandas de Gaitas non é, por suposto, de orixe galega. Só faltaba iso. A súa orixe é, sen dúbida, escocesa. Quen pretenda enganar ós cidadáns con artimañas deste tipo non o conseguirá nunca. Nin con isto nin con nada.

 

Colectivo en Defensa da Gaita.

bottom of page