top of page
Carta 10

 

Gaitas marcianas e peloteo político

 

Nestes tempos de alternancia política no noso goberno, comezan certas inquedanzas e preocupacións en determinadas persoas porque están a ver como o invento copiado que eles mesmos crearon hai xa anos das bandas de gaitas que imitan ás escocesas e que dende os seus comezos foi apoiado polo goberno do Partido Popular está a piques de esmorecer pouco a pouco pola nova situación política que se está a dar na actualidade en Galicia. É moi curiosa, por exemplo, a amable e sospeitosa predisposición de Xosé Lois Foxo (Director da Real Banda e da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense) a ofrecer os seus servicios para actos gubernamentais, como veu facendo ata agora. Nunhas recentes declaracións a un medio de comunicación escrito da nosa terra deixa caer o seu evidente bo trato con todo o mundo, afirmando: “Eu respeto todas as posturas e teño amigos en tódolos partidos”. Xa o sabemos, Sr. Foxo. É do que se trata. Dalgunha maneira ten que gañarse a vida. Non obstante, menciona a dignificación da gaita como algo moi importante para a música galega e para Galicia.

 

Pero ¿de que dignificación estamos a falar? ¿da dignificación da nosa gaita galega ou desa gaita e dese modelo de banda de gaitas que inventou e que dende hai anos tenta que se asuma como propio cos cartos de tódolos galegos e co visto bo dos nosos gobernantes? Non, Sr. Foxo. As cousas hai que chamalas polo seu nome. E vostede nunca o fixo.

 

O tema das axudas económicas a estes colectivos musicais pro-escoceses tamén é tratado sutilmente polo Sr. Foxo, pois coa nova executiva socialista-nacionalista non está nada claro o reparto destas subvencións, polo que el mesmo afirma que “agardamos que todo siga máis ou menos igual, senón quedaría patente que se trata dun desprezo”. Curioso. ¿Dun desprezo a que e a quen? E logo, dende que este invento copiado existe ¿non se despreza á música galega? E aínda máis: non se respeta a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia, na que figura todo o contrario do que vostede e o goberno anterior fixo. Non respetar esta lei supón ir contra á cultura da nosa terra e contra todos nós. E iso si é un desprezo e unha falta de respeto. E non hai que preocuparse de se o goberno vai ou non vai respetar á gaita: a nosa gaita sempre será respetada. As gaitas que non son nosas…veremos.

 

Colectivo en Defensa da Gaita.

bottom of page