top of page
Carta 1

 

Colectivo en Defensa da Gaita (CDG)

 

Estamos a dar a coñecer o Colectivo en Defensa da Gaita (CDG), constituido hai algúns meses en A Coruña por gaiteiros e non gaiteiros, coa idea de informar, concienciar e reaccionar ante a cada vez máis preocupante situación que está a atravesa-la gaita galega como instrumento tradicional e popular, tendo na actualidade como principal ameaza a implantación do modelo cultural escocés nas bandas de gaitas (referente ás gaitas, percusión, vestimenta, estética, estilo musical, etc.) suplantando ós nosos propios e autóctonos rasgos de identidade como país e cultura. Este fenómeno, dirixido dende o epicentro de Ourense por X.L. Foxo (Director da Escola Provincial de Gaitas e da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense), estase e estender pola nosa terra, implantándose progresivamente nas bandas de gaitas do resto das provincias, nas súas zonas limítrofes (Asturias, León, Cantabria), así como nos centros galegos de Europa, América, etc.

 

Esta lamentable situación que estamos a vivir supón un serio perigo para a nosa tradición musical, sendo patrocinada polo goberno galego dende a Deputación de Ourense, Xunta de Galicia e moitos concellos que subvencionan a estas agrupacións pro-escocesas con cartos públicos que teóricamente deberían estar destinados á valoración e promoción do noso folclore, antes que do foráneo.

 

¿Por que se está a enganar sistemática e intecionadamente a milleiros de gaiteiros e percusionistas que, sen ter ningunha culpa, están recibindo formación musical nesas agrupacións, con información parcial e chantaxes en forma de desprezo ó tradicional?. ¿Por que se está a impedir premeditadamente a transmisión dos verdadeiros valores musicais galegos ás vindeiras xeracións?. ¿Por que se está a impoñer por capricho duns poucos unhas formas musicais alleas co visto bo dos nosos gobernantes?. ¿Por que se están a destinar cartos do pobo a algo que valora máis ó foráneo que o propio, a algo que musicalmente non nos representa?. ¿Por que a imaxe de Galicia e da súa música que se está a dar polo mundo adiante é totalmente confusa, enganosa, falsa, non se identifica coa nosa tradición?. E o máis importante, ¿por que a xente non reacciona ante o que está a acontecer?. ¿Por que?...

 

O CDG cre na dignidade do gaiteiro; cre na autenticidade e na identidade propia do noso folclore; cre que non se precisan elementos copiados da cultura escocesa para a expresión musical galega, cando xa posuímos unha maneira de ser rica e natural; cre na boa vontade dos gaiteiros e percusionistas que naceron e participan nestas bandas, cuia única carencia é a dunha información imparcial.

 

Non imos contra ninguén nin estamos en contra da innovación, sempre e cando ésta sexa natural (non imposta) e respete a tradición (non a destrúa). Pero sí que mostramo-lo noso desacordo polo sistema implantado por xente que manipula o pasado ó seu antollo e que non ten compromiso nin respeto pola nosa música, infravalorándose e mostrando un incomprensible complexo de inferioridade musical con respecto a outros países. Por todo isto, o noso compromiso será, dentro das nosas limitacións, impedi-la colonización do noso entorno, así como ir recuperando as zonas xa invadidas. Para isto é preciso que o público en xeral se informe, tome conciencia e, consecuentemente, poida reaccionar, implicándose activamente nesta loita pacífica polo que verdadeiramente cremos: a nosa música.

 

Colectivo en Defensa da Gaita.

bottom of page